Monday 29 de April de 2024

Comeza a execución das obras de humanización da rúa José Manuel Ferreira Penedo


A intervención está valorada en 100.000 euros e dará continuidade a obras de simulares características realizadas noutras rúas do núcleo urbano da Laracha.

Xa están en marcha as obras de humanización da rúa José Manuel Ferreira Penedo, no núcleo urbano da Laracha. O edil de Obras Públicas, Pablo Cambón, e a concelleira Almudena Martínez, mantiveron unha reunión cos responsables da empresa que está a executar o proxecto, Construcciones Mantido S.L., para interesarse polo desenvolvemento das primeiras actuacións.
Ao tratarse dunha rúa eminentemente residencial, priorizarase aos peóns sobre o tránsito rodado. Para iso contémplase a ampliación das beirarrúas a ambos lados da calzada, o aumento da seguridade viaria co marcado de pasos para peóns -un deles, elevado- e o establecemento do sentido único da circulación, o que permitirá habilitar máis aparcamentos -con prazas sinalizadas para vehículos de persoas con mobilidade reducida- e crear áreas de descanso con mobiliario urbano.
Esta intervención deseñada polo Concello dará continuidade a outros proxectos de similares características realizados nos últimos anos en varias rúas da capital municipal da Laracha próximas á que será obxecto desta intervención, tales como Epifanio Campo, Silverio Moreda, David Mallo, Coruña, Lugo, Pontevedra e Suíza, entre outras.
O proxecto está valorado en 100.000 euros e é cofinanciado entre o Concello e a Deputación da Coruña.